É hora de recuperar os servizos públicos

Juan Manuel Díaz Villoslada DE COTÍO

OPINIÓN

10 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das principais consecuencias das políticas de austeridade aplicadas en Galicia e en España durante a gran recesión foi a intensa redución de servizos públicos. O capital fundamental para a prestación destes servizos, os seus profesionais, reduciu o seu peso no gasto público en taxas significativas. Se no 2012 España estaba xa, segundo a Comisión Europea, entre os dez países da Unión con menor gasto en emprego público sobre o PIB (un 43 %, fronte ao 45 % de Alemaña, o 56 % de Francia ou 48 % do Reino Unido), as medidas de redución adoptadas polos Gobernos do Partido Popular tiñan por obxectivo situar este gasto no 38 %. Os datos do Ministerio de Facenda sinalan que entre o 2012 e o 2016 se perderon 167.000 empregos públicos, ao tempo que se incrementaron os niveis de temporalidade.

Galicia non foi precisamente allea a este proceso. As políticas de austeridade cos Gobernos do señor Núñez Feijoo supuxeron a perda de máis de 4.000 postos estruturais no cadro de persoal autonómico, e incrementaron a contratación temporal nun 50 %, ao pasar de 10.000 contratos desta clase no 2010 a 15.000 no 2015.

Segundo os datos da EPA do 4.º trimestre do 2016, a taxa de temporalidade no emprego público en Galicia representa o 24,5 % (un de cada catro empregos). Galicia foi a quinta comunidade autónoma en redución de emprego nos servizos públicos entre o 2010 e o 2016, sendo ademais a comunidade que con máis intensidade reduciu os salarios públicos entre o 2013 e o 2016. Teñamos en conta que os profesionais do sector sanitario e educativo supoñen o 40 % dos efectivos públicos. No sector I+D (datos INE), Galicia perdeu 1.500 profesionais entre o 2010 e o 2015.

Esta é a radiografía actual dos nosos servizos públicos, cuxa calidade se viu así gravemente deteriorada. Os servizos públicos garanten os sistemas de igualdade e redistribución das rendas, son o piar do noso Estado social e democrático de dereito.

Se o escenario macroeconómico no que se basean os orzamentos para este ano 2017 presentan indicadores de recuperación, é ineludible evitar que as fendas de desigualdade que se teñen incrementado de forma profunda na recesión continúen avanzando. Este compromiso social esixe reactivar as políticas de servizo público e, polo tanto, de máis calidade tamén no emprego. O sistema sanitario, a xustiza, a educación e os demais sectores que conforman os nosos servizos públicos non poden seguir perdendo peso se queremos que a nosa sociedade recupere cotas de integración social.

Resulta así precisa a aprobación urxente das ofertas de emprego público que, dentro do teito de gasto e sen máis xogos políticos, sexan suficientes en Galicia para dotar o sistema público dos profesionais que precisa.